SENDEIRISMO
¡DESCÚBRENOS PASO A PASO!
Os antigos camiños, calzadas e vías pecuarias que serviron ó longo dos séculos para desprazarse son un rico patrimonio histórico que o concello de Piñor quere conservar.
O sendeirismo é unha boa maneira de manter e recuperar esa rede viaria que, de lugar en lugar, comunicaba e permitía o paso de comerciantes, de pastores e gandeiros, de pescadores, dos peregrinos de antano e, como non, dos nosos queridos antepasados que usaban os camiños locais para moverse dunha aldea a outra.
O poñerte en camiño permitirache descubrir pegadas da historia de Piñor, ó ritmo do teu paso, coñecendo en profundidade a nosa terra, lonxe das aglomeracións urbanas. Sen dúbida, unha grande experiencia para os amantes do deporte ó aire libre e en contacto coa natureza, observando grandes monumentos e mostras descoñecidas da arte e da cultura rural.
A través dos nosos sendeiros, o camiñante poderá gozar de vixilantes cruceiros, cabaceiros, solitarios petos de ánimas, pontes romanas e medievais, igrexas de conto, máxicos pazos, casas rurais, muíños e outras manifestacións populares en pedra, sempre enmarcados no camiño cunha rica e ampla variedade de especies botánicas.
|
Esperamos que goces “tripando” a nosa terra, pero antes, permítenos darche algunhas indicacións:
Recomendacións útiles para ti, sendeirista:
- Leva calzado cómodo e flexible, preferiblemente botas de montaña.
- Leva roupa adecuada. Sempre é recomendable levar pantalóns largos.
- Hidrátate a miúdo bebendo auga.
- Protexe a pel e os ollos con protección solar e gafas de sol.
Recomendacións ó teu paso pola natureza:
- Non arrancar, cortar ou deteriorar a vexetación.
- Recordar que a colección de setas esixe coñecer e respectar certo protocolo.
- Non esquecer que no monte un débese comportar coma un convidado en casa allea, respecta a flora, a fauna e o patrimonio etnográfico.
- Non arroxar lixo e se o atopas, por favor recólleo e deposítao nos lugares acondicionados para tal fin. ¡Colabora na limpeza dos espazos naturais!
- Non alterar a tranquilidade natural con ruídos, altofalantes ou luces innecesarias.
- Non tirar cabichas de cigarros prendidas ou apagadas xa que poden provocar incendios.
- Seguir os camiños sinalados evitando pisar os campos con plantacións.
RUTA DE SENDEIRISMO “RÍO ARENTEIRO”
- Lonxitude: 10 km.
- Inicio/Fin: Arenteiro
- Dificultade: Media
- Descrición: Parte de Arenteiro no campo da festa, lugar onde se visualiza o primeiro indicador á esquerda . Continúa por varios camiños con cruces da carreteras N-525 e Carretera de Loeda. Pasa polos núcleos de población de A Albarona, Piñor e Barrán volvendo a rematar no Arenteiro, lugar onde iniciamos o percorrido. Todo o trazado nos amosa o gran valor paisaxístico e etnográfico do Concello, sen esquecer nomear o tramo que sigue o trazado do río, e nos leva ata a fábrica de Lousado.
- A andaina atópase perfectamente sinalizada con señais de madeira, coas indicación de sendeiro de curto percorrido, reforzadas con carteis específicos para a realización da proba, e marcaxe con frechas amarelas no chan e en distintos puntos do percorrido.
- Núcleos de poboación polos que pasarás: Albarona,Piñor e Barrán
RUTA DE SENDEIRISMO “RÍO SILVABOA”
- Lonxitude:10/15 km. ,segundo percorrido.
- Núcleos de poboación: Freás, Cotelas,Casfigueiro,Vilariño,A Folgosa,Guimarás e A Mirela.
- Descrición da ruta: Esta ruta chamada “Ruta do río Silvaboa” transcorre en gran parte pola beira dereita do río Silvaboa,o cal lle da nome. O percorrido vai máis aló do río formando unha ruta circular que pasa por varias poboacións pertencentes ao Concello de Piñor. Este tipo de ruta circular faise moito máis accesible para o sendeirista sendo posible o inicio en diversos puntos da mesma, coa posibilidade de retorno ao punto de partida,sendo a mellor opción comezar nos núcleos poboacionais anteriormente citados.
- Pasarás por antigas pontes de pedra de gran interese histórico-artístico; soñarás á beira de numerosos e antigos muíños que aínda que hoxe permanecen pasivos e en silenzo, deixan entrever a súa actividade e esplendor pasados; observarás impoñentes pazos cheos de historia; e sobre todo, gozarás de fermosas paisaxes que invitan ó turista a internarse na nosa historia e na frondosidade das nosas verdes terras.