PAZO DE COIRAS (parroquia de Coiras): atópase na aldea de O Pazo e a día de hoxe pertence a particulares. Trátase dun macizo pequeno de dous pisos, o primeiro destinado a tarefas domésticas e, o segundo, a vivenda. Ten dous balcóns e a ambos lados da fachada sobresaen dúas "garitas".
|
|
PAZO DE REDA (parroquia da Canda): está formado por dous corpos rectangulares adosados con forma de "T". Ten dous pisos, o inferior destinado a usos agrícolas e, o superior, a vivenda. Ó longo da súa fachada conta con diversos escudos coas armas de Losada, Mosquera, Noguerol, Taboada e outros, e na parte superior conta cunha solaina. O pazo é do século XVI.
PAZO DE VILARIÑO (parroquia da Canda): está situado ó pé da estrada Cotelas – Vilariño, é de planta rectangular que conta con dous pisos e a súa torre almeada conta con tres. Está rodeado por un muro de sillares e cachotería contando nos ángulos con cubos recubertos con cúpulas. A fachada ten un muro almeado con porta de arco de medio punto con dous escudos das armas dos Mosquera, Sotomaior, Andrade e López. Ademais, conta con tres patios, cunha capela de planta rectangular, un pombal e unha fonte de 1680. O pazo é do século XVI.
|


|