PETOS DE ÁNIMAS
PETO DA IGREXA DE CARBALLEDA: está situado ó pé da N-525 e diante da igrexa de Carballeda. Consta de dous corpos, o inferior de planta rectangular destinado a facer soporte e o superior con fornela de arco de medio punto. Está rematado na parte superior por un pináculo partido, o cal tiña unha cruz de ferro que o adornaba. A fornela está protexida por un enreixado de ferro e por un cristal e ten no seu interior unha escultura de San Antonio e o neno.
|
|
PETO DE COTELAS: atópase no pobo de Cotelas a carón da estrada que une esta aldea e Oseira, levantado sobre catro escalóns. Ten unha fornela adintelada, protexida por un enreixado de ferro, coroado cun frontón triangular rematado nunha cruz. Este peto do ano 1889, está a carón dun cruceiro de varal cadrado rematado nunha cruz de dous brazos desiguais. A fornela garda no seu interior imaxes de: Cristo crucificado (centro), S. Antonio e o neno (esquerda), a Virxe do Carme (dereita) e as ánimas do purgatorio (baixo do crucificado).
|
 |
PETO DE LOEDA: situado ó pé da antiga estrada N-525, á saída de Loeda, atopamos este peto formado por dous corpos, o inferior rectangular que serve de base e, o superior con fornela rematada con cornixa apuntada. A fornela está protexida por un enreixado dobre de ferro con burato para deixar a esmola. No seu interior hai unha escultura de Cristo crucificado de pedra cunha caveira no remate da cruz e ós dous lados hai esculturas de madeira, unha de San Antonio e a outra das ánimas.
ESCULTURA POPULAR
O único exemplar de escultura popular atópase na aldea da Pallota, denominada "Casa do Santo". É unha obra do 1952, feita por un canteiro. Consiste nun pequeno santo vestido cunha longa túnica en actitude orante situado baixo un baldaquino apuntado sostido por finas columnas.
|


|