IGREXA DE SAN XOÁN DE BARRÁN (XIII): é unha igrexa de nave única, sendo salientable a súa fachada de porta adintelada con pináculos ós lados sostida por pilastras. Sobre a porta, un gran óculo enche de luz o interior. A fachada está rematada por unha espadana dobre con balaustrada. O interior conta cun retablo barroco de tres rúas separadas por columnas salomónicas de decoración vexetal no cal destacan as imaxes de S. Roque, S. Antonio e S. Francisco, contando tamén con diversos obxectos de prata: un cáliz, unha custodia e un incensario, todos do século XVIII, unha cruz parroquial barroca e un copón do século XIX. A data da que se ten referencia da súa construción é do ano 1226.
|
|
IGREXA DE SAN MAMEDE DA CANDA: é unha sinxela igrexa de nave única con fachada con porta adintelada con pilastras ós lados que sosteñen un frontón triangular cuxas puntas non chegan a unirse e decoran o frontón a ámbos lados varios pináculos. No interior do frontón a imaxe de S. Mamede preside a fachada rematada en espadana dobre. O exterior da cabeceira da igrexa está decorado por un magnífico crucificado procedente dun cruceiro. No seu interior hai unha cuberta de madeira e unha pequena capela documentada no ano 1668 á cal se accede por un marco de medio punto no que está labrado o escudo dos señores do pazo de Reda, os donos da capela. A igrexa conta con diversos retablos barrocos, entre os que destaca a Virxe da Asunción, e con diferentes obxectos de prata, como unha cruz parroquial e un copón do Renacemento.
|
 |
IGREXA DE SANTA MARÍA DE CARBALLEDA: é unha igrexa de nave única que conta cunha fachada sinxela con porta adintelada sobre a cal hai un busto de bronce do beato Juan Jacobo Fernández e unha lápida de mármore conmemorativa. A fachada está rematada por unha espadana dobre con pináculos e acroteras. No interior presenta dúas fornelas ós lados e ten unha cuberta de madeira. É salientable o altar maior cun retablo barroco. A igrexa conta con diversos obxectos de prata como unha custodia do XVIII e dous cálices do XIX. A primeira referencia sobre a súa construción é do 1246 pero foi totalmente transformada no ano 1778.
|
 |
IGREXA DE SAN XOÁN DE COIRAS: é un exemplar de igrexa rural de nave única, xa que conta cunha fachada con porta adintelada e pilastras con basamento nas esquinas. Ó remate da fachada atópase unha espadana dobre. No seu interior albérgase un retablo barroco e diversos obxectos de prata, como por exemplo unha custodia e un cáliz. É unha construción da Idade Media, aínda que a súa fábrica foi remodelada no XVIII, da cal non se conserva nada.
|
 |
IGREXA DE SANTA MARÍA DO DESTERRO (CORNA): trátase dunha igrexa de nave única cunha fachada que ten unha porta adintelada, sobre a cal locen dous escudos: o da congregación de Castela (esquerda) e o de Oseira (dereita). Percorren os currunchos da igrexa pilastras rematadas en pináculos e os laterais contan con pequenos contrafortes. No interior, a nave presenta cuberta de madeira e desmontouse o espazo reservado ó coro. Tres soberbios altares de pedra decoran a igrexa destacando o altar maior con imaxes do crucificado (Renacemento) e diversas imaxes barrocas e do rococó. A súa construción é de finais do século XVIII.
|
 |
IGREXA VELLA DE SAN PAIO DE LOEDA: pequena e sinxela igrexa que conta cunha nave de porta adintelada, xunto a cal figura unha inscrición labrada nun sillar "Esta es iglesia de Refugio y Sagrado". Culmina a fachada unha espadana dobre. Ten diversos elementos adosados: á cabeceira un pousadoiro e á sacristía, o osario. A data máis antiga na que se ten constancia da súa existencia é do século XII, aínda que as súas orixes foron medievais e sufriu unha completa reforma.
|
 |
IGREXA NOVA DE SAN PAIO DE LOEDA: é unha soberbia igrexa con planta de cruz e con capelas adosadas ós lados. A fachada conta con dous pisos: o inferior con frontón triangular sobre a porta e o superior con frontón semicircular sobre unha ventá enmarcada entre dúas pilastras; está rematada por un gran frontón triangular sostido por dúas pilastras que ascenden polos laterais da fachada. Completa o conxunto unha torre de planta cadrada rematada cunha pequena cúpula. O encargado do proxecto foi Eduardo Rodríguez de Legísima e os arquitectos desta obra inaugurada no ano 1969, Eusebio Decalong e Frances e Isaac Cadrillo.
|
 |
IGREXA DE SANTIAGO DE TORCELA: trátase dunha robusta igrexa de única nave con contrafortes nas súas paredes laterais. Conta con fachada sinxela con porta adintelada e con pilastras que percorren os seus laterais, e está rematada por unha boa espadana dobre. Adosado a unha das súas paredes hai un pousadoiro levantado sobre unha pequena plataforma. O seu interior conta cun retablo barroco, cunha cruz do século XVII, cunha custodia e cun cáliz do XVIII. A primeira referencia que hai da súa creación é do ano 1199, aínda que sufriu diversas modificacións.
|
 |