FESTAS E FEirAS
En Galicia as festas seguen tendo o máis auténtico sentido de solidaridade, de reforzamento da casa, dos veciños, con todo o que significa de tradición e de identidade.
O emigrante galego leva moi marcado na súa morriña o recordo destes días e os veraneantes que veñen ás nosas terras levan un doce sabor destes días de troula, diversión e unión. O tempo de festa ofrece o máis positivo da sociedade, nunha harmoniosa e alegre conxunción entre paisanaxe e paisaxe, entre o sacro e o profano, que se aúnan coa renovación de ancestrais ritos e tradicións. Velaí, entre os principais recursos da provincia de Ourense destaca o seu carácter festivo con celebracións a diario durante os meses de verán.
¡O bo comer, a ledicia e a vitalidade das nosas xentes únense nas diversas festas!
En Piñor teñen lugar diversas celebracións festivas e culturais durante todo o ano que enchen de cor e ledicia os seus pobos como son o magosto (en novembro) ou o entroido. Porén, a maior incidencia de festas é na época estival.
As festas parroquiais que se celebran en cada parroquia na honra do seu patrón ou patroa ocupan un lugar destacado no calendario festivo de Piñor. Estas festas soen ter entre un e tres días de duración e consisten na celebración de misas pola mañá, unha rica e abundante comida familiar a mediodía, xogos populares pola tarde e verbena con orquestras pola noite. Algún exemplo deste tipo de festas serían: as da Milagrosa no Reino, as de San Roque na Canda, as da Virxe do Carme en Coiras e as da Peregrina en Arenteiro.
Por outro lado, entre as festas laicas do Concello destaca “A Festa dos Veciños” (en xuño), que é organizada polos veciños dunha parroquia, alternando cada ano. Nesta festa abunda a boa comida, polo xeral, con produtos da zona, a ledicia, o humor, a hospitalidade e a unión dos veciños.
Se visitas Ourense nestas datas, VÉN e GOZA en PIÑOR da cultura tradicional galega!!
¡Empápate de troula e coñécenos!
Calendario de festas
- FEBREIRO
- Día 3 – Festividade de San Blas en Loeda. Consiste nunha misa pola mañá na igrexa de Loeda e nunha comida - reunión con familiares.
- ABRIL
- Día 2 - Festividade na honra de San Blas en Barrán
- Día 25 – Festividade de San Marcos en Coiras. Consiste nunha misa pola mañá na igrexa de San Xoán de Coiras, comida con familiares e amigos e á noite verbena con orquestra.
- MAIO
- Último domingo de maio - Festividade das Fillas de María na Canda. Celebración dunha misa cantada na igrexa de San Mamede da Canda.
- XUÑO
- Día 13 – Festividade de San Antonio en Carballeda.
- 1º domingo despois do 13 – Festividade de San Antonio na Canda.
- Día 24 - Festividade na honra de San xoán en Barrán
- Día 25 – Festividade de San Paio en Loeda.
- XULLO
- Día 16 – Festividade da Virxe do Carme en Coiras. Celebración dunha misa na igrexa de San Xoán de Coiras na honra da súa patroa, a Virxe do Carme.
- Día 25 e 26 – Festa na honra de Santiago Apóstolo en Torcela. Pola mañá hai misa na igrexa de Torcela, reunións familiares, pola tarde xogos e á noite verbena.
- Último fin de semana - Festa da Milagrosa en Carballeda que se celebra na aldea de O Reino. Celebración de misas na igrexa de Carballeda e pola noite verbena no Reino.
- AGOSTO
- Día 5 - Festa na honra da Virxe das Neves en Arenteiro
- Día 7 – Festividade de San Mamede na Canda.
- Día 15, 16 e 17 – Festa na honra de San Roque na Canda, que se celebra en Cotelas. Misas na Igrexa de San Mamede da Canda e pola noite verbena no campo da festa en Cotelas.
- Día 15 – Festividade de Santa María en Carballeda.
- Día 16 – Festividade de San Roque en Carballeda.
- Seguinte domingo ó 15 – Festa na honra da Nosa Señora do Desterro na Corna.
- Día 24 – Festividade de San Bartolomeu na Devesa, A Corna.
- Último fin de semana - Festa na honra da Virxe do Carme en Coiras.
- SETEMBRO
- Segundo fin de semana – Festa na honra da Virxe da Peregrina en Barrán, celebrada na aldea de Arenteiro.
- NOVEMBRO
- Día 27 - Festividade da Virxe da Milagrosa.
- DECEMBRO
- Día 13 de decembro – Festividade de Santa Uxía.